Esta é a lexislación nacional e autonómica que está actualmente en vigor:
- Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais. Texto completo no BOE
- Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia. Texto completo no BOE
- Lei 5/2018, do 21 de decembro, de acceso á contorna das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia. Texto completo no BOE
Existen tamén normativas relativas aos espazos naturais, municipais, e tamén ás praias.
Nestes últimos meses, coa entrada en vigor da nova lexislación, estamos a vivir importantes melloras no que á benvida de cans se refire, pero tamén moito desconcerto. Se che xorde algunha dúbida á hora de preparar a túa viaxe, ponte en contacto co municipio que vaias visitar.
Queres entrar nalgún establecemento e tes dúbidas acerca de se o teu can pode entrar contigo? Se non ten información publicada respecto disto nin un cartel na porta que o aclare, pregunta.
A lexislación deixa a criterio dos propietarios dos establecementos darlles a benvida ás persoas que van en compañía dos seus cans, así que o mellor é sempre preguntar. Especifica se vas cun can ou con máis dun, o seu tamaño e se pertence a algunha das razas consideradas como potencialmente perigosas.
Haberá sitios que nunca pensaron nisto, pero seguro que che abrirán as súas portas de par en par se lles preguntas educadamente e se ben o ben que se porta o teu compañeiro.
Queres participar nalgunha actividade de lecer activo en compañía do teu can? Se é así, pregunta sempre. Seguro que atoparás as que máis se adapten ás súas condicións e aos vosos gustos.
Se vas co teu can de asistencia, has de saber que Galicia ten garantido o acceso contigo a calquera lugar, establecemento ou transporte de uso público, con independencia da súa titularidade pública ou privada. É importante que leves sempre a súa documentación por se cha piden.
Lembra que é labor de todas e de todos os que vivimos con cans abrir o camiño cara a unha convivencia similar á doutros países. Para conseguir isto debemos dar exemplo e ser conscientes de que, cada vez que imos co noso can a un establecemento, representamos a todas as familias multiespecie e de que do noso comportamento pode depender a benvida ou non a outras no futuro.
Grazas por colaborar para conseguir un mundo máis pet friendly!